O Concello de Trabada anuncia a celebración do evento gastronómico «Trabada Tapeo 2025», que terá lugar os días 11, 12 e 13 de abril. Esta iniciativa busca promover a hostalería local e dinamizar o municipio a través da gastronomía.
Participan os tres establecementos da localidade:
- A Taberna da Curuxeira, que ofrecerá «Crujiente de pataca rechea» e «Ensalada mariñeira».
- Mesón Camiño Norte, que presentará «Vieiras en frío y fuego» e «Tosta de sensaciones».
- O Porfirio, con «Carne mechada con verduras confitadas» e «Moruno con salsa».
Todas as tapas terán un prezo de 2,50€.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia deste evento para a economía local: «É un impulso para os nosos establecementos hostaleiros, ao tempo que converte o noso concello nun punto de encontro gastronómico. Queremos que tanto os veciños como os visitantes gocen da nosa riqueza culinaria e axuden a dinamizar a nosa vila».
O evento está organizado polo Concello de Trabada dentro da súa aposta polo turismo e a promoción do sector servizos. Ademais, contará cun ambiente festivo que fará da fin de semana unha ocasión especial para gozar da boa gastronomía e da hospitalidade trabadense.