O Concello de Trabada vén de conseguir unha nova axuda por importe de 60.000 euros ao abeiro da convocatoria de “Axudas para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos”.
Esta subvención permitirá acometer unha mellora significativa do complexo deportivo, cun investimento total de 75.000 euros, dos cales o Concello aportará 15.000 euros con fondos propios.
O proxecto inclúe:
- A instalación de pérgolas con cuberta verde, que ofrecerán sombra e espazos de descanso para os usuarios.
- A creación dun peche natural para o campo de bolos tradicionais, en liña co compromiso do Concello coa integración paisaxística e a sustentabilidade.
O alcalde, Rubén García, salientou que “esta nova actuación é un paso máis na nosa aposta por espazos públicos de calidade, sostibles e pensados para o benestar da veciñanza. Quero destacar o traballo feito polo equipo de goberno e os técnicos municipais, grazas ao cal logramos acadar esta importante axuda”.
Esta mellora súmase ás actuacións que comezarán nas vindeiras semanas, como son:
- A construción dun circuíto de bicicletas pump track.
- A instalación dun novo tobogán infantil, ampliando así as opcións de ocio e deporte para os máis pequenos.
Desde o Concello de Trabada continúase a traballar e a solicitar novas subvencións que permitan seguir transformando e mellorando o municipio. “Seguiremos apostando polo desenvolvemento sostible e pola creación de espazos que melloren a calidade de vida da nosa veciñanza”, concluíu o alcalde.