O Concello de Trabada continúa ampliando a oferta de vivenda social co alugueiro da antiga escola de Vilapercide

O Concello de Trabada continúa ampliando a oferta de vivenda social co alugueiro da antiga escola de Vilapercide

O Concello de Trabada vén de asinar hoxe o contrato de alugueiro coa familia que pasará a residir na vivenda da antiga escola de mestres de Vilapercide, dentro da aposta municipal por transformar antigas escolas en vivenda social.

Con esta incorporación, xa son catro as vivendas rehabilitadas e habitadas neste modelo: Sante, Trabadela, Vidal e agora Valboa, que será a próxima en saír para alugueiro social.

O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou que “seguimos apostando por recuperar as antigas escolas das parroquias para darlles un novo uso social, transformándoas en vivendas que dean resposta á problemática actual do acceso á vivenda. Ademais, esta actuación contribúe a fixar poboación no rural e a revitalizar as nosas parroquias”.

A vivenda de Vilapercide espertou un notable interese, o que pon de manifesto a demanda existente. Finalmente, será unha familia con nenos a que resida nela, o que permitirá incrementar o número de escolares matriculados no municipio neste curso.

García avanzou que “xa temos en mente novos proxectos para rehabilitar as escolas que aínda nos faltan, sempre co obxectivo de poñelas a disposición da veciñanza en réxime de alugueiro social e ofrecer alternativas reais ante a dificultade de acceder a unha vivenda”.

Con esta iniciativa, o Concello de Trabada consolida unha liña de traballo que combina a posta en valor do patrimonio público co apoio ás familias e a loita contra o despoboamento.

 

Página anterior Éxito de participación na II Ruta de Sendeirismo e Paellada Popular de Sante, con máis de 250 inscritos en total

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados