O Concello de Trabada solicita colaboración á Axencia de Turismo de Galicia para construír un albergue municipal no Camiño do Norte

O Concello de Trabada vén de remitir unha carta ao director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, solicitando unha reunión para abordar a creación dun albergue municipal no núcleo urbano de Trabada, a carón do Camiño do Norte.

O proxecto contempla habilitar un espazo de titularidade municipal actualmente sen uso, a antiga Cámara Agraria, un inmoble que se atopa nun lugar estratéxico, xa que o propio Camiño pasa diante del. Ademais, está situado ao lado do Museo Etnográfico Xosé Rocha, o que permitiría dinamizar e poñer en valor o conxunto do núcleo urbano.

A etapa que conecta Vegadeo con Mondoñedo suma 38 quilómetros, situando a vila de Trabada xusto no medio do percorrido: a 18,5 km de Vegadeo e a 19,5 km de Mondoñedo. Tal e como explicou o alcalde, Rubén García Freije, “consideramos vital contar cun albergue municipal, de xestión pública, que permita facer máis accesible e sostible esta etapa tan esixente para os camiñantes”.

O rexedor lembrou que o Concello xa solicitara colaboración en decembro de 2024, tras unha reunión coa Axencia de Turismo, mais ante a falta de resposta presentouse agora unha alternativa cun custo menor. Para iso, o Concello encargou un proxecto técnico que define a actuación necesaria para adaptar a antiga Cámara Agraria como albergue.

“O obxectivo é claro: aproveitar un espazo municipal que hoxe non está en uso e poñelo ao servizo da veciñanza e dos peregrinos, reforzando así a importancia do Camiño do Norte como ferramenta de dinamización turística e económica”, engadiu García Freije.

Desde o Concello de Trabada reiteran a súa plena disposición a colaborar coa Axencia de Turismo de Galicia e con todas as administracións para sacar adiante proxectos que melloren o municipio e a vida dos seus veciños e veciñas.

 

Página anterior O Concello de Trabada pon en marcha o programa de Terapia Ocupacional dirixido ás persoas maiores

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados