O Concello de Trabada presenta un intenso programa de actividades para esta fin de semana con propostas para todos os públicos, que inclúen tradición, música e deporte ao aire libre. Ao longo dos días 7, 8 e 9 de novembro, a Praza do Concello e diferentes espazos do municipio converteranse en punto de encontro para a veciñanza e visitantes.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “desde o Concello continuamos colaborando con asociacións e colectivos para impulsar actividades culturais, deportivas e festivas que dinamicen o noso municipio durante todo o ano e fomenten a participación da cidadanía”.
Venres 7 de novembro – Magosto popular
A partir das 21:00 horas, na Praza do Concello celebrarase o tradicional Magosto, organizado pola Asociación Cultural O Picato e coa colaboración do Concello de Trabada e do Motoclube A Cadeira, que se encargará do servizo de barra. Ofrecerase:
- Callos (10 €)
- Lacón asado (6 €)
- Empanada (3 €)
Inclúe café e castañas gratis para todas as persoas asistentes.
A festa estará amenizada por Billy DJ e o cantante Luis Rey, e contará con carpa, mesas e sillas para garantir a comodidade aínda que o tempo non acompañe.
Sábado 8 de novembro – DJ Fest Trabada
A partir das 21:00 horas, tamén na Praza do Concello, terá lugar o DJ Fest Trabada, con actuacións de varios DJs convidados: Alejandro Martínez, SP The Sound Project, Litainer e Pedro Brmudz.
Entre as 21:00 e as 23:00 horas haberá pulpería e churrasco a cargo de Pulpería Suso. O evento desenvolverase baixo carpa climatizada.
Domingo 9 de novembro – Ruta do programa “Coñece Trabada”
Pecha a fin de semana unha actividade de sendeirismo coa ruta desde Vidal a Trabada, cun percorrido de 8,6 quilómetros e dificultade media.
- Saída en autobús ás 11:00 horas desde a Praza do Concello.
- Prezo: 8 € por persoa (inclúe comida no pavillón de Trabada).
- Inscricións ata o 6 de novembro nas oficinas municipais ou no 982 135 011.
É obrigatorio o uso de chaleco reflectante.
Rubén García subliñou que “actividades como estas axudan a poñer en valor o noso concello, dinamizan a economía local e reforzan o sentimento de comunidade”.
O Concello de Trabada invita a toda a veciñanza e persoas visitantes a participar e desfrutar desta fin de semana chea de tradición, música e natureza.


