O Concello de Trabada vén de solicitar unha axuda ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para levar a cabo a rehabilitación da antiga escola da Vilapena, coa finalidade de incorporala ao parque municipal de vivendas en réxime de alugueiro social.
O proxecto presentado conta cun orzamento superior aos 68.000 euros e enmárcase na liña de actuacións que o Concello vén desenvolvendo nos últimos anos para poñer a disposición da veciñanza vivendas dignas e accesibles, favorecendo así o acceso á vivenda e a fixación de poboación no rural.
Desde o goberno local destacan o esforzo técnico e administrativo realizado para poder optar a esta convocatoria, xa que o Concello dispuxo unicamente de cinco días para elaborar o proxecto e preparar toda a documentación necesaria. Unha vez aberto o prazo de solicitudes, toda a documentación foi presentada en tan só sete minutos, ao tratarse dunha convocatoria por orde de entrada, polo que o Concello agarda poder resultar beneficiario da axuda.
De conseguirse este financiamento, a vivenda da Vilapena sumaríase ás xa rehabilitadas polo Concello e destinadas a alugueiro social en parroquias como Trabadela, Sante, Vilapercide, Vidal ou Valboa, esta última xa en proceso de habitabilidade.
O alcalde de Trabada, Rubén García, subliñou que “esta actuación forma parte dunha estratexia clara de apoio á vivenda no rural, coa que pretendemos ofrecer oportunidades reais para vivir no noso concello”. O rexedor engadiu que “apostar polo alugueiro social é tamén unha ferramenta clave para facer fronte ao reto demográfico e loitar contra a perda de poboación que afecta aos pequenos concellos”.
Desde o Concello de Trabada insisten en que continuarán traballando para aproveitar todas as oportunidades de financiamento que permitan mellorar as infraestruturas e os servizos municipais, contribuíndo a garantir unha mellor calidade de vida para a veciñanza.