O Concello de Trabada reitera a súa queixa a Correos polas graves deficiencias no servizo postal

O Concello de Trabada reitera a súa queixa a Correos polas graves deficiencias no servizo postal

 O Concello de Trabada vén de remitir unha nova queixa formal á Dirección de Correos para denunciar as graves deficiencias que continúa a sufrir o servizo postal no municipio. Trátase da segunda reclamación presentada nos últimos meses, tras non terse producido ningunha mellora desde a primeira comunicación enviada en setembro de 2025.

Desde o Concello advirten de que a situación, lonxe de corrixirse, agravouse notablemente, como consecuencia da falta de cobertura de persoal na oficina de Trabada. A baixa da titular do servizo e o atraso na designación de persoal substituto provocaron un funcionamento aínda máis deficiente, con retrasos de varios meses no reparto, notificacións que non chegan aos seus destinatarios, días enteiros sen servizo e unha acumulación alarmante de envíos pendentes.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, sinala que “estamos a falar dun servizo básico e esencial para a veciñanza, que afecta tanto á vida cotiá das persoas como á actividade administrativa e económica do municipio. Non podemos permitir que os nosos veciños e veciñas sigan sendo prexudicados por unha situación que se podería evitar cunha correcta planificación”.

Desde o Concello lembran que xa na primeira queixa se advertía da necesidade urxente de cubrir vacantes e garantir as substitucións durante períodos de baixas ou vacacións, unha demanda que segue sen resposta efectiva. Por este motivo, nesta nova comunicación solicítase con carácter de urxencia a cobertura inmediata das baixas e vacantes existentes, unha organización do servizo que permita o reparto diario e regular da correspondencia e unha revisión estrutural da dotación de persoal e dos horarios de atención.

“O noso deber como administración local é defender á nosa veciñanza e esixir que os servizos públicos se presten en condicións dignas e óptimas, do mesmo xeito que noutros concellos”, engade o rexedor, quen confía en que “esta segunda reclamación sirva para que Correos adopte medidas inmediatas e dea unha resposta formal á situación”.

O Concello de Trabada manterá a súa postura firme ata que se garanta un servizo postal continuo e equiparable ao de outros municipios, reiterando o seu compromiso coa defensa dos dereitos e necesidades da veciñanza.

Página anterior O Concello de Trabada solicita unha axuda para recuperar a antiga escola da Vilapena como vivenda social

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados