O Concello de Trabada solicita á Xunta colaboración para reparar os danos do pavillón municipal tras o incendio

O Concello de Trabada solicita á Xunta colaboración para reparar os danos do pavillón municipal tras o incendio

O Concello de Trabada vén de remitir unha carta ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo Pouso, na que solicita apoio e colaboración económica para facer fronte ás obras necesarias no pavillón municipal tras o incendio ocorrido o pasado 3 de xaneiro na zona dos vestiarios.

Xunto coa carta, o Concello achegou un informe técnico detallado no que se avalían os danos ocasionados polo incendio, cunha estimación económica superior aos 150.000 euros. Segundo recollen os técnicos, existen danos estruturais de consideración, tanto na cuberta e na estrutura do edificio como nas paredes dos vestiarios, o que impide o uso normal destas instalacións.

Aínda que a pista deportiva non resultou afectada directamente polo lume, a inutilización dos vestiarios imposibilitou durante semanas o funcionamento habitual do pavillón, obrigando á suspensión temporal das actividades e á súa posterior reanudación sen dispoñer de todos os servizos necesarios.

O pavillón municipal de Trabada é unha infraestrutura esencial para a veciñanza, xa que acolle de maneira habitual actividades deportivas e de lecer como hóckey, fútbol sala, patinaxe, actividades de ximnasio, programas de conciliación e tamén é utilizado polo alumnado do colexio do municipio para as clases de educación física.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “desde o Concello defendemos os intereses da nosa veciñanza e agardamos a colaboración da Xunta de Galicia para poder recuperar canto antes a normalidade no uso das instalacións”. O rexedor destacou tamén que “nun concello rural como o noso, o pavillón municipal é moito máis ca un espazo deportivo: é un punto de encontro, convivencia e benestar para toda a comunidade”.

Desde o Concello lembran que asumir con medios propios o custo das reparacións resulta moi complexo, polo que consideran imprescindible a colaboración da Xunta de Galicia para recuperar canto antes a normalidade do servizo e garantir unhas condicións adecuadas de seguridade e salubridade.

Página anterior O Concello de Trabada organiza para o 22 de marzo o I Encontro de Cestería na Vilapena

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados