O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, participou esta mañá nun encontro celebrado en Ribadeo coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, no que tamén estiveron presentes o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, representantes de Recursos de Galicia e os alcaldes dos concellos implicados na área de influencia do parque eólico Mondigo.
Na reunión, na que tamén participaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, abordáronse diferentes cuestións relacionadas cos beneficios que este proxecto pode supoñer para a veciñanza dos municipios afectados.
Durante o encontro resolvéronse varias dúbidas formuladas polos representantes municipais. Entre elas, explicouse que o radio de 1,8 quilómetros establecido para determinar as persoas beneficiarias se fixa en función dos estudos de viabilidade do parque e que se calculará desde cada un dos aeroxeradores. Ademais, trasladouse que este criterio podería flexibilizarse no futuro en función da evolución do proxecto.
Nos próximos días, Recursos de Galicia remitirá aos concellos os planos detallados coa delimitación deste radio de influencia. Dende o Concello de Trabada xa se trasladou a súa total colaboración para axudar a definir e axustar estes mapas sobre o terreo, co obxectivo de identificar correctamente ás persoas beneficiarias.
Outro dos aspectos aclarados durante a reunión foi que a bonificación prevista cubrirá o 80% do consumo eléctrico, e non do total da factura, unha cuestión que fora trasladada polos representantes municipais.
Así mesmo, o Concello de Trabada pon a disposición da veciñanza as súas instalacións e os seus técnicos para prestar apoio no proceso de solicitude destas bonificacións, xa que as persoas que resulten incluídas no mapa recibirán unha comunicación nas súas vivendas e deberán iniciar posteriormente o trámite correspondente a través dunha plataforma web.
Durante o encontro tamén se abordou a posibilidade de que os concellos poidan participar no capital do parque eólico, unha opción que será analizada unha vez que se remita a información detallada sobre as condicións e o procedemento.
O alcalde de Trabada destacou o bo entendemento entre todas as partes presentes na reunión e subliñou que “dende o Concello seguimos traballando para que un proxecto desta importancia teña tamén un retorno directo para os veciños e veciñas de Trabada”.