O Concello de Trabada informa da recepción do plano definitivo de beneficiarios dos descontos da luz vinculados ao parque eólico Mondigo

O Concello de Trabada informa da recepción do plano definitivo de beneficiarios dos descontos da luz vinculados ao parque eólico Mondigo

 O Concello de Trabada vén de recibir por parte de Recursos de Galicia e da Xunta de Galicia o plano definitivo de beneficiarios dos descontos na factura da luz relacionados co parque eólico Mondigo.

Tras recibir o primeiro plano inicial, desde o Concello de Trabada elaborouse e trasladouse unha nova proposta co obxectivo de ampliar o número de núcleos incluídos e evitar que algúns núcleos de poboación quedasen divididos, co fin de que o reparto dos beneficiarios fose o máis equilibrado posible.

Segundo a resposta definitiva recibida no día de onte, algunhas das propostas realizadas polo Concello foron tidas en conta en determinadas zonas do territorio, mentres que noutras non se aplicaron as modificacións solicitadas.

Ante esta situación, desde o Concello de Trabada infórmase de que a partir do próximo luns calquera veciño ou veciña poderá achegarse ás oficinas municipais para consultar tanto o plano definitivo aprobado por Recursos de Galicia e a Xunta de Galicia como a proposta presentada polo propio Concello.

Así mesmo, o goberno municipal lembra que cada veciño e veciña beneficiario recibirá unha carta por parte de Recursos de Galicia comunicando a súa inclusión neste programa de descontos.

Unha vez recibida esa comunicación, desde o Concello poñerase á disposición da veciñanza o persoal técnico municipal e todos os medios necesarios para facilitar a tramitación da solicitude da bonificación na factura eléctrica.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “desde o Concello seguiremos en contacto permanente con Recursos de Galicia e coa Xunta de Galicia para continuar avaliando posibles ampliacións deste radio de beneficiarios e conseguir que cada vez máis veciños e veciñas do noso concello poidan acceder a estes descontos directos na factura da luz”.

 

Página anterior Trabada inicia o programa de rutas de sendeirismo de 2026 cun percorrido polo Camiño Norte

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados