O Concello de Trabada solicita unha subvención para a creación dunha área de autocaravanas no complexo deportivo

O Concello de Trabada solicita unha subvención para a creación dunha área de autocaravanas no complexo deportivo

 O Concello de Trabada vén de solicitar unha nova subvención á Axencia de Turismo de Galicia para a creación dunha área de autocaravanas no complexo deportivo municipal.

O proxecto presentado conta cun orzamento de arredor de 30.000 euros e enmárcase nunha liña de axudas destinada á mellora e creación de espazos turísticos. A solicitude foi tramitada de forma inmediata, ao tratarse dunha convocatoria por orde de entrada, presentándose tan só un minuto despois da apertura do prazo.

A actuación permitiría completar e reforzar os servizos xa existentes no complexo deportivo de Trabada, un espazo que nos últimos anos foi obxecto de diferentes melloras e que na actualidade conta con pista de pádel, pista multideporte, tirolina infantil, campo de bolos tradicionais, circuíto de pump track e unha zona de descanso con pérgolas de cuberta natural.

A nova área de autocaravanas viría complementar estas instalacións, aproveitando ademais infraestruturas xa existentes como os aseos e duchas, e incorporando servizos específicos como zona de baleirado de augas negras e grises, así como puntos de toma de corrente en cada praza, configurando deste xeito un espazo completo e adaptado ás necesidades deste tipo de turismo.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “seguimos traballando para mellorar os nosos espazos e facer do noso concello un destino cada vez máis atractivo, aproveitando os recursos dos que dispoñemos e ampliando servizos que poidan atraer visitantes e dinamizar a economía local”.

Página anterior O Concello de Trabada informa da recepción do plano definitivo de beneficiarios dos descontos da luz vinculados ao parque eólico Mondigo

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados