O alcalde de Trabada, Rubén García, mantivo no día de onte unha reunión coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, co obxectivo de trasladarlle as principais necesidades do municipio, especialmente no que respecta ás vías provinciais que discorren polo termo municipal, así como a posibilidade de impulsar novos investimentos e liñas de colaboración.
Durante o encontro, o rexedor expuxo distintas demandas relacionadas coa mellora das infraestruturas viarias, ao tempo que abordou a necesidade de continuar desenvolvendo actuacións que permitan avanzar na mellora dos servizos e equipamentos no concello.
O alcalde destacou a importancia da colaboración institucional, subliñando que a Deputación de Lugo “ten unha implicación moi relevante co Concello de Trabada, colaborando activamente desde hai anos tanto na organización de eventos como a Festa da Enfariñada, como na execución de diferentes investimentos e melloras no municipio”.
Rubén García sinalou tamén que “este tipo de encontros son fundamentais para trasladar de primeira man as necesidades reais da nosa veciñanza e seguir traballando conxuntamente na procura de solucións que permitan mellorar a calidade de vida no noso concello”.
Desde o Concello de Trabada destacan a vontade de continuar reforzando a cooperación coa Deputación de Lugo para seguir avanzando no desenvolvemento do municipio e na posta en marcha de novas actuacións.