O Concello de Trabada celebrará o próximo domingo 17 de maio unha nova edición do tradicional Encontro dos Maiores, unha xornada especialmente emotiva que reúne a veciños e veciñas de todas as parroquias do municipio para compartir un día de convivencia e homenaxe.
Este encontro, dirixido ás persoas maiores de 65 anos e aos seus cónxuxes, converterase un ano máis nun espazo de recoñecemento á dedicación e ao traballo de toda unha vida, nun ambiente de celebración e unión veciñal.
A programación dará comezo ás 13:00 horas cunha sesión vermú no pavillón municipal de Trabada, seguida do xantar ás 14:00 horas. A xornada completarase coa entrega de agasallos e baile para todas as persoas asistentes.
Nos vindeiros días, as persoas destinatarias recibirán unha carta nos seus fogares coa invitación e información detallada do evento. O prazo de inscrición xa está aberto e poderá realizarse ata o 8 de maio, de forma presencial nas oficinas municipais ou chamando ao teléfono 982 13 50 11 en horario de 09:00 a 14:00 horas.
Cómpre destacar que o Concello de Trabada asumirá a totalidade dos gastos de organización deste encontro.
O alcalde, Rubén García, destacou que “trátase dun dos días máis especiais do ano, no que temos a oportunidade de reunir aos nosos maiores e agradecerlles todo o que fixeron polo noso concello ao longo da súa vida”.
