O Concello de Trabada vén de formalizar a cesión gratuíta da antiga escola de Villafernando, tras a sinatura dun acordo coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol, propietaria do inmoble.
O acto contou coa presenza do ecónomo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, quen participou na sinatura xunto ao alcalde de Trabada, culminando así un proceso de colaboración entre ambas entidades para dar un novo uso a este espazo.
Grazas a este acordo, o Concello poderá dispoñer deste local co obxectivo de convertelo nun espazo de uso social ao servizo da veciñanza.
Dende o goberno municipal destacan a importancia deste tipo de iniciativas, que permiten recuperar edificacións en desuso e poñelas ao servizo da cidadanía, contribuíndo así a dinamizar a vida nas parroquias.
O Concello de Trabada continúa traballando na posta en valor do patrimonio municipal e na creación de novos espazos de encontro e convivencia para os veciños e veciñas.
