O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou o novo éxito da VII Festa da Enfariñada, celebrada onte, que volveu reunir a centos de persoas arredor da tradición e a gastronomía.
A cita, xa consolidada como un dos eventos máis destacados da Mariña lucense, superou novamente as expectativas, cunha gran afluencia de público e cun total de 750 racións de enfariñada servidas, tanto na súa versión tradicional como sen glute e con bonito de Burela.
“É unha gran satisfacción comprobar como a Festa da Enfariñada segue medrando ano tras ano e atraendo a cada vez máis xente”, sinalou o alcalde, Rubén García.
A festa contou tamén cun mercado de produtos locais e cun amplo programa musical que contribuíu a crear un ambiente festivo e de convivencia ao longo de toda a xornada.
O alcalde quixo facer un especial agradecemento aos veciños e veciñas, así como ás persoas voluntarias, que participaron activamente na organización e desenvolvemento do evento: “sen a súa implicación e colaboración, non sería posible seguir facendo medrar esta festa e manter viva a nosa tradición”.
Rubén García subliñou ademais que iniciativas como esta contribúen non só á conservación da cultura local, senón tamén á dinamización social e económica do municipio, consolidando a Festa da Enfariñada como unha referencia no calendario festivo da comarca.


