O Concello de Trabada pon en marcha unha nova campaña de recollida de plásticos agrícolas, un servizo que se realiza dúas veces ao ano co obxectivo de facilitar ás explotacións agrícolas e gandeiras do municipio a correcta xestión deste tipo de residuos.
A recollida desenvolverase entre os días 1 e 5 de xuño mediante un camión que percorrerá aquelas explotacións que soliciten previamente este servizo.
As persoas interesadas deberán anotarse antes do 1 de xuño, ben chamando ao teléfono do Concello (982 13 50 11) ou presencialmente nas oficinas municipais.
Para facilitar a recollida, os plásticos deberán depositarse en lugares de fácil acceso para o camión, afastados do tendido eléctrico e de árbores que dificulten a carga, correctamente pregados e atados, e sen arames nin restos de terra ou area.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “desde o Concello continuamos poñendo medios e servizos á disposición do noso sector primario, facilitando tanto a recollida como o posterior tratamento destes residuos, que precisan dunha xestión específica”.
García lembrou ademais que “esta iniciativa, que desenvolvemos dúas veces ao ano, busca ofrecer unha solución práctica ás explotacións do noso municipio, contribuíndo tamén ao coidado do medio ambiente e ao correcto tratamento dos plásticos agrícolas”.