O Concello de Trabada vén de instalar novas zonas de sombra na piscina municipal coa colocación de varias jaimas, unha actuación que ten como obxectivo mellorar o confort e o benestar das persoas usuarias durante a tempada de verán.
Esta mellora complétase coa renovación da imaxe do recinto levada a cabo antes da apertura da piscina, reforzando así a aposta do Concello por ofrecer unhas instalacións cada vez máis cómodas e funcionais.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “continuamos mellorando as instalacións municipais para ofrecer o mellor servizo posible aos usuarios da piscina, incorporando novos espazos de sombra que permitan desfrutar destas instalacións con maior comodidade durante os días de máis calor”.
O rexedor mostrou tamén a súa satisfacción pola resposta da veciñanza e dos visitantes, sinalando que “a piscina municipal está tendo unha moi boa acollida desde a súa apertura o pasado 15 de xuño, o que nos anima a seguir realizando pequenas actuacións que melloren a experiencia das persoas que a utilizan”.
O Concello lembra que a piscina municipal permanecerá aberta ata o 15 de setembro, en horario de 12:00 a 21:00 horas, todos os días da semana.
Desde o Concello continúan traballando para mellorar os espazos públicos e ofrecer unhas instalacións modernas, accesibles e adaptadas ás necesidades da veciñanza e dos visitantes.
