O Concello de Trabada vén de iniciar as obras de mellora dunha estrada municipal na parroquia de Valboa, nun tramo de aproximadamente 800 metros que parte da contorna da igrexa en dirección ao lugar de Sequeiro.
O proxecto, cun investimento de algo máis de 45.000 euros, está incluído no Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo e forma parte do programa municipal de mellora e acondicionamento da rede viaria nas diferentes parroquias de Trabada.
Os traballos contemplan a limpeza das cunetas, a aplicación de aglomerado en quente ao longo do trazado e o posterior pintado da vía. Tamén se procederá á substitución da sinalización vertical e á mellora da saída do cruzamento situado na contorna da igrexa.
Con esta intervención, o Concello busca mellorar as condicións de circulación e a seguridade viaria nunha estrada utilizada pola veciñanza da parroquia.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destaca que «seguimos avanzando na mellora das nosas estradas municipais, atendendo as necesidades das diferentes parroquias e actuando en vías que forman parte do día a día da veciñanza. Neste caso, renovamos un tramo de aproximadamente 800 metros e melloramos tamén a saída do cruzamento da igrexa, co obxectivo de ofrecer unhas mellores condicións de circulación e seguridade».
García Freije pon tamén en valor a colaboración da Deputación de Lugo: «O Plan de Cooperación cos Concellos permítenos acometer investimentos importantes na nosa rede viaria e seguir desenvolvendo un programa de melloras que queremos que chegue aos diferentes núcleos de Trabada».
O Concello continuará impulsando novas intervencións nas estradas municipais para mellorar os accesos e as comunicacións entre os distintos lugares e parroquias.