A Festa da Enfariñada de Trabada recibiu esta tarde o premio «…E para comer, Lugo», na categoría de gastronomía lucense dos VII Premios á Excelencia do Turismo e a Gastronomía da provincia de Lugo, convocados polo Consello Provincial de Turismo.
Ata a Deputación de Lugo desprazáronse 14 cociñeiras e cociñeiros da Festa da Enfariñada, representantes da veciñanza que cada ano fai posible a celebración e que mantén viva a receita desde a súa elaboración ata o momento de servila.
O recoñecemento pon o foco nunha celebración que vai moito máis alá dun prato gastronómico. A Enfariñada forma parte da historia e da memoria de Trabada e estivo presente durante décadas na alimentación de moitas familias, especialmente nas xeracións que viviron os anos da posguerra e para as que esta elaboración era parte habitual da súa mesa.
Hoxe, esa historia segue viva grazas ás veciñas e veciños que cada ano se encargan de preparar a Enfariñada para a festa. Son eles e elas quen manteñen a receita, desde a súa elaboración ata o momento de servila, e quen fan posible que unha tradición que pasou de xeración en xeración continúe formando parte da vida de Trabada.
A representación das cociñeiras e cociñeiros da festa é, precisamente, unha das mellores mostras desa continuidade. Detrás de cada elaboración hai persoas da veciñanza que coñecen a receita, o xeito de preparala e todo o que significa para o concello.
Desde o Concello agradecen ao Consello Provincial de Turismo este recoñecemento e queren compartilo con todas as persoas que fan posible a Festa da Enfariñada, especialmente coas veciñas e veciños que, ano tras ano, poñen o seu tempo e o seu traballo ao servizo dunha tradición que segue viva.
O obxectivo é que a Enfariñada continúe medrando e sexa cada vez máis coñecida, pero sen perder aquilo que a fai especial: a súa relación coa historia de Trabada e, sobre todo, coas persoas que a mantiveron viva ata hoxe.
O premio ten carácter honorífico e inclúe un diploma acreditativo e unha peza de artesanía tradicional lucense. A resolución dos galardóns deberá ser aprobada agora pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, antes da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

