Xa dispoñible a web para consultar os beneficiarios dos descontos da luz do parque eólico Mondigo

Xa dispoñible a web para consultar os beneficiarios dos descontos da luz do parque eólico Mondigo

O Concello de Trabada informa da páxina web habilitada por Recursos de Galicia, rdgmondigo.gal, na que a veciñanza poderá consultar o plano definitivo de beneficiarios dos descontos na factura da luz vinculados ao parque eólico Mondigo.

Deste xeito, ademais da consulta presencial nas oficinas municipais, as persoas interesadas poderán comprobar tamén de forma telemática se están incluídas dentro das zonas beneficiarias establecidas finalmente por Recursos de Galicia, unha delimitación que non recolle na súa totalidade a proposta trasladada previamente polo Concello de Trabada.

Segundo a información facilitada, nestes días estase a proceder ao envío das cartas ás persoas beneficiarias, nas que se lles comunica a súa inclusión neste programa de descontos.

Unha vez recibidas estas comunicacións, o Concello de Trabada pon á disposición da veciñanza os seus medios e persoal técnico para facilitar a realización dos trámites necesarios, no caso de que non poidan completalos de maneira autónoma a través da páxina web.

O alcalde de Trabada, Rubén García, anunciou ademais que manterá unha reunión nos vindeiros días con responsables de Recursos de Galicia co obxectivo de seguir mellorando a atención á veciñanza. “Estamos traballando para que tamén se despracen ata o Concello profesionais que poidan axudar directamente ás persoas interesadas na tramitación destas solicitudes”, sinalou.

Desde o Concello reiteran o seu compromiso de seguir acompañando á veciñanza neste proceso e de continuar traballando para ampliar o número de beneficiarios destas bonificacións.

Página anterior O Concello de Trabada traslada á Deputación de Lugo as necesidades do municipio en materia de infraestruturas e investimentos

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados