Trabada presenta o cartel da VII Festa da Enfariñada con novidades e nova localización

Trabada presenta o cartel da VII Festa da Enfariñada con novidades e nova localización

O Concello de Trabada acollerá o vindeiro domingo 3 de maio a partir das 12:00 horas a VII Festa Gastronómica da Enfariñada, que nesta edición se celebrará na explanada situada fronte ao parque da rúa San Roque. Debido ao crecemento continuo do evento foi necesario ampliar o espazo.

Esta festa, xa consolidada no calendario local, destaca pola súa esencia tradicional e pola implicación da veciñanza. Máis de 40 voluntarios e voluntarias participarán na elaboración da enfariñada in situ, mantendo viva unha receita tradicional que cada ano reúne a centos de persoas.

Nesta edición volverá haber opcións sen gluten, reforzando así o carácter inclusivo do evento. Ademais, repetirán as fiolleiras de Muimenta, que elaborarán as súas tradicionais filloas, e como novidade, contarase coa participación da Sociedade Cultural Ledicia, que ofrecerá un preparado con bonito de Burela, que tamén se poderá degustar acompañado da propia enfariñada.

O evento completarase cun mercado de produtos artesanais e de proximidade, así como cun amplo programa musical que inclúe as actuacións de Mestura de Nete, Grupo Lume e a Orquestra Marbella, reforzando así a aposta por unha xornada de convivencia e lecer para todos os públicos.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “a Festa da Enfariñada é un claro exemplo do que conseguimos cando traballamos xuntos como concello: unha celebración que nace da tradición, que medra ano tras ano e que une á veciñanza arredor da nosa gastronomía e cultura”. Así mesmo, animou a toda a cidadanía a participar “nunha xornada pensada para gozar, compartir e seguir poñendo en valor o noso”.

Desde o Concello sinalan que continúan apostando por este tipo de eventos que non só manteñen vivas as tradicións, senón que tamén contribúen a dinamizar a vida social e económica do municipio.

Cartel Enfariñada 3 maio 2026

Página anterior Trabada presenta unha nova edición da Romaría de San Marcos que se celebrará os días 25 e 26 de abril

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados