Vidal celebra as festas de San Bartolomé estreando un novo espazo para uso da veciñanza

Vidal celebra as festas de San Bartolomé estreando un novo espazo para uso da veciñanza

O Concello de Trabada informa da posta a disposición da veciñanza de Vidal dun novo espazo de uso público, resultado do traballo conxunto desenvolvido entre veciños da parroquia, o Concello de Trabada e o equipo de limpeza da Deputación de Lugo.

A actuación permite que Vidal conte desde agora cunha zona acondicionada que poderá empregarse para diferentes necesidades da parroquia, especialmente como espazo de aparcadoiro durante a celebración de eventos, así como para outras actividades e iniciativas que se organicen no futuro.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca especialmente a implicación da veciñanza para facer posible esta mellora e agradece o traballo de todas as persoas que colaboraron na actuación. Neste sentido, pon en valor de maneira particular a participación de Iago e Enrique, así como o labor desenvolvido polo persoal municipal e polo equipo de limpeza da Deputación de Lugo.

“Este novo espazo é un exemplo do que podemos conseguir cando existe colaboración entre a veciñanza e as administracións. Grazas á implicación de todas as partes conseguimos recuperar e acondicionar unha zona que desde agora queda ao servizo de Vidal e que será de utilidade tanto nas festas como noutras actividades que se desenvolvan na parroquia”, sinala o rexedor.

A estrea deste espazo coincide ademais cunha fin de semana especial para Vidal, que este sábado, 22 de agosto, celebra as súas Festas de San Bartolomé.

A programación comezará ás 13:00 horas coa misa solemne. A partir das 14:00 horas terá lugar a sesión vermú, amenizada polo Grupo Antha. Xa pola tarde-noite, ás 19:30 horas, celebrarase a verbena coa actuación do Dúo Sensaciones e o Grupo Antha.

Desde o Concello de Trabada convidan á veciñanza do municipio e das localidades da contorna a achegarse a Vidal e participar nunha xornada festiva que servirá tamén para desfrutar das melloras realizadas na parroquia.

O Concello agradece novamente a colaboración e implicación da veciñanza e das persoas e equipos que participaron nos traballos, unha cooperación que permite seguir mellorando os espazos das parroquias e poñelos ao servizo da cidadanía.

Cartel San Bartolomé Vidal

Página anterior O Concello de Trabada recupera o servizo do Punto de Atención á Infancia e abre o prazo de matrícula para o curso 2026-2027

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados