Os campamentos de verán do Concello de Trabada rematan cunha participación de máis de 50 nenos e nenas

Os campamentos de verán do Concello de Trabada, tanto o campamento infantil como o campamento xuvenil, rematan despois de dous meses de actividade, cunha participación conxunta de máis de 50 nenos, nenas, rapaces e rapazas.

As actividades desenvolvidas durante os meses de xullo e agosto tiveron unha moi boa acollida entre as familias do municipio, consolidándose como unha importante ferramenta para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o período estival, ao tempo que ofrecen aos máis novos un espazo de convivencia, lecer e actividades adaptadas ás diferentes idades.

Desde o Concello de Trabada poñen en valor o desenvolvemento destes programas e agradecen a confianza das familias, así como o traballo realizado polo persoal encargado de facer posible as actividades ao longo destes dous meses.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca que “a boa acollida destes campamentos demostra a importancia de contar con servizos públicos que faciliten o día a día das familias e que permitan que os nenos e nenas dispoñan de espazos de lecer e convivencia durante o verán”.
O remate dos campamentos non supón, con todo, o final dos programas municipais de conciliación. O Concello continuará a ofrecer diferentes servizos ao longo do curso, entre eles o programa de madrugadores, así como o Punto de Atención á Infancia (PAI), que recuperará a súa actividade neste mes de setembro.

Deste xeito, Trabada mantén unha rede de servizos destinada a acompañar as familias nas distintas etapas, con propostas que permiten ofrecer atención desde os tres meses ata os 12 anos, e mesmo ata os 18 anos no caso dos campamentos xuvenís.
“Desde o Concello seguimos traballando para ampliar e consolidar os servizos de conciliación e coidado, porque consideramos que son fundamentais para as familias e tamén para o futuro de Trabada”, sinala o alcalde.

Página anterior A III Voltiña a Sante celebrarase este domingo cun percorrido pola contorna e unha paellada

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados