Lunes - Viernes 8:00 am - 15:00 pm

A ALCALDESA SOLICITA Á XUNTA COLABORACIÓN “PARA MELLORAR A ESTRADA LU-132 E PARA A CONSTRUCIÓN DUN AUDITORIO”

A ALCALDESA SOLICITA Á XUNTA COLABORACIÓN “PARA MELLORAR A ESTRADA LU-132 E PARA A CONSTRUCIÓN DUN AUDITORIO”

A alcaldesa do Concello de Trabada, Mayra García Bermúdez, visitou hoxe co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, as obras da rúa Cotarelo, a renovación da fachada da Cámara Agraria e o novo punto limpo móbil co que conta o municipio.

Trátase de obras e servizos cos que Trabada conta grazas a subvencións xestionadas persoalmente pola alcaldesa, Mayra García Bermúdez, con tramitacións e convocatorias que en moitos casos comezan ás doce da noite e son por orde de chegada.

No caso da rúa Cotarelo, o Concello de Trabada conseguiu unha subvención da Xunta para financiar 67.760 euros, mentres que o Concello aportou 40.535 euros para poder levar a cabo a súa renovación integral. As achegas resolvíanse por orde de entrada das solicitudes desde as 00.00 horas do pasado 9 de marzo de 2021. A tramitación realizouna persoalmente a propia Mayra García Bermúdez en só catro minutos, polo que as 00:04 horas estaba presentada.

No caso da fachada da Cámara Agraria, a Xunta convocou de novo as axudas que se conceden por orde de chegada das solicitudes e non por concorrencia competitiva, abrindo ademais o prazo de solicitudes ás doce da noite dun venres. A alcaldesa presentou as solicitudes ás 00.03 horas.

“Son eu mesma a que se encarga de facelo, porque teño a formación suficiente e ademais evito que sexan os empregados municipais os que teñan que facelo fora do seu horario laboral e na fin de semana. De feito onte mesmo, ás doce da noite tramitei outra axuda que se concede por orde de entrada para levar a cabo a mellora dos accesos entre o aparcadoiro de autocaravanas e a Área de A Choza, e que a pesar das incidencias da sede electrónica da Xunta conseguín tramitar en catro minutos”, engade García Bermúdez.

Con esta axuda da Cámara Agraria o que se fixo foi a limpeza e reparación das zonas con humidade e mofo, e posteriormente pintáronse as catro fachadas mediante pintura plástica lisa con combinación de cores incluídas no catálogo de “A Mariña e Baixo Eo”, utilizando as mesmas cores que no centro etnográfico “Xosé Rocha”.

Por último, no caso do punto limpo móbil o concello obtivo unha achega de 70.000 euros para esta actuación, financiada pola Xunta a través da liña de subvencións en materia de residuos de competencia municipal cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder Galicia 2014-2020). Neste caso a primeira licitación quedou deserta e, a pesar da problemática dos prazos de xustificación, “fumos quen de poder xustificar a axuda, xa que noutros Concellos víronse obrigados a renunciar á mesma”, apunta a alcaldesa.

DEMANDAS

García Bermúdez aproveitou a visita do delegado da Xunta para demandarlle “a reparación da estrada autonómica LU-132, que en varios tramos atópase en mal estado de conservación, e para poñer dous pasos de peóns, ademais de colaboración na construción do auditorio”.

A alcaldesa de Trabada remitiulle unha carta a principios de decembro ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, solicitándolle unha entrevista para presentarlle o proxecto e a maqueta do mesmo e valorar as diferentes posibilidades de financiamento, pero non obtivo resposta.

Na carta informaba a Feijóo de que o Concello de Trabada redactou un proxecto para a construción dun auditorio e solicitaba a colaboración similar á que a Xunta de Galicia realizou recentemente coa construción dun auditorio en Marín, coa aportación de dous millóns de euros, e coa construción dunha escola de música en Begonte, con outra achega de 1.047.938,67 euros.

Tendo en conta que polo Concello de Trabada tamén discurre o Camiño do Norte, “plantexamos a posibilidade, ao igual que en Begonte, de que poideran participar no financiamento diferentes organismos da Xunta como a Axencia de Turismo, a Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Cultura”.O orzamento deste proxecto ascende a 984.897,9 euros, polo que dende o Concello de Trabada solicitouse a colaboración da Xunta de Galicia para poder realizar este investimento.

Página anterior O CONCELLO DESTINARÁ O PLAN PROVINCIAL ÚNICO DE COOPERACIÓN DA DEPUTACIÓN AOS PROGRAMAS DE INVESTIMENTOS, FOMENTO DE EMPREGO, SAF E ACTIVIDADES CULTURAIS

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Horario:

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

Ayuntamiento de trabada 2021 - Todos los derechos reservados

es_ESEspañol