Lunes - Viernes 8:00 am - 15:00 pm

A ALCALDESA LAMENTA “O RECORTE NAS AXUDAS DA XUNTA PARA COFINANCIAR ACTIVIDADES CULTURAIS” NOS CONCELLOS POLOS QUE TRANSCURRE O CAMIÑO

A ALCALDESA LAMENTA “O RECORTE NAS AXUDAS DA XUNTA PARA COFINANCIAR ACTIVIDADES CULTURAIS” NOS CONCELLOS POLOS QUE TRANSCURRE O CAMIÑO

A alcaldesa do Concello de Trabada, Mayra García Bermúdez, lamenta o recorte da Xunta de Galicia “na convocatoria de axudas aos concellos polos que transcurren as rutas do Camiño de Santiago”.

En concreto, as axudas están destinadas a cofinanciar as programacións culturais realizadas por entidades locais polas que discorren os diferentes Camiños de Santiago con motivo do Xacobeo 21-22, para contribuír á promoción das artes escénicas e musicais.

Ademais, a convocatoria foi de novo en réxime de concorrencia non competitiva e o prazo de solicitude comezou ás doce da noite, polo que se encargou outra vez de tramitala persoalmente a propia alcaldesa de Trabada.

Este ano as programacións desta convocatoria deberán incluír, como mínimo, dúas contratacións de teatro, danza, música, novo circo ou maxia, que deberán ter un orzamento superior a 5.000 euros (IVE incluído) nos concellos de menos de 20.000 habitantes, e de 8.750 euros (IVE incluído) nos concellos de máis de 20.000 habitantes.

A Xunta financia 3.500 euros en concellos de máis de 20.000 habitantes, que corresponderían ao 40% do caché de cada actividade programada, e 2.500 euros en concellos de menos de 20.000 habitantes, que corresponderían ao 50% do caché de cada actividade programada.

O ano pasado as programacións incluídas nesta mesma convocatoria debían incluír como mínimo tres contratacións e conter un mínimo de dúas das disciplinas de teatro, danza, música, novo circo ou maxia, cun orzamento superior a 7.500 euros nos concellos de menos de 20.000 habitantes e de 10.000 euros nos concellos de máis de 20.000 habitantes.

A Xunta financiaba en 2021 o 60% do caché de cada actividade programada en concellos de máis de 20.000 habitantes sen que superase a cantidade máxima de 6.000 euros, e o 80% do caché de cada actividade programada en concellos de menos de 20.000 habitantes sen que superase a cantidade máxima de 6.000 euros.

“Este ano adica un total de 230.000 euros e o ano pasado 1.000.000 euros. Unha vez máis vemos como a Xunta non aposta pola cultura e como os que máis padecemos os recortes somos os concellos de menos de 20.000 habitantes, pois mentras que o ano pasado a Xunta aportaba o 80% do cache cun límite máximo de 6.000 euros, este ano aporta o 50% cun límite máximo de 2.500 euros”, explica García Bermúdez.

“Dende o goberno municipal de Trabada apostamos dende o primeiro momento por achegarlle a cultura aos nosos veciños. Durante a nosa etapa ao fronte do concello son múltiples as actividades culturais que temos realizado con fondos propios e coa colaboración inestimable doutras administracións”, engade.

“Reivindicamos a colaboración por parte da Xunta de Galicia, máis se cabe nun ano Xacobeo e cando fai actuacións culturais en toda Galicia de forma discrecional; parécenos inxusto que discrimine os veciños e veciñas dos concellos pequenos, pois temos o mesmo dereito a ter acceso á cultura que os veciños de vilas máis grandes; non é a forma de apostar polo rural”, remata a alcaldesa de Trabada.

Página anterior A ALCALDESA DE TRABADA REIVINDICA NA COMISIÓN DE DESPOBOACIÓN DA FEMP EN CÁCERES “A IMPORTANCIA DUNS SERVIZOS PÚBLICOS DE CALIDADE NO RURAL”

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Horario:

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

Ayuntamiento de trabada 2021 - Todos los derechos reservados

es_ESEspañol