O Concello de Trabada informa do inicio das obras de reforma da estrada municipal que conecta a parroquia de Fórnea cos lugares de Vidal e Valboa, unha vía que sufriu importantes danos como consecuencia dos traballos do parque eólico Mondigo.
As obras comezan despois dun longo proceso administrativo que permitiu chegar á fase de execución dun proxecto necesario para recuperar as condicións desta estrada municipal.
A intervención abrangue aproximadamente seis quilómetros de vía e conta cun investimento de algo máis de 300.000 euros.
A reforma permitirá acondicionar o trazado afectado e mellorar as condicións de circulación nunha estrada que comunica diferentes núcleos do municipio e que resulta importante para os desprazamentos habituais da veciñanza.