O alcalde de Trabada, Rubén García, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinaron onte un convenio de subvención nominativa para a celebración da Festa da Fariñada, que será o próximo 5 de maio.
“Agradecemos a colaboración da Deputación de Lugo para organizar esta festa que cumpre a súa quinta edición, unha iniciativa do noso goberno local para homenaxear un plato típico do noso pobo”, asegura o alcalde de Trabada.
“Unha festa que cada ano ten máis aceptación e atrae a máis xente a Trabada”, engade Rubén García, que adianta que “nos próximos días publicaremos o cartel e toda a información sobre o evento”.
Pola súa parte, o presidente da Deputación de Lugo manifestou que “esta cita naceu hai poucos anos e xa ten unha gran aceptación. De feito, o ano pasado servíronse máis de 700 racións, o que da boa mostra do gran traballo que fan dende o concello e tamén dende a veciñanza para facer desta festa un atractivo máis de Trabada que contribúa á súa dinamización social e económica”