O Concello de Trabada vén de anunciar a próxima campaña de recollida de plásticos de procedencia agrícola, que se realizará o día 19 de maio. Esta iniciativa está dirixida a facilitar a retirada deste tipo de residuos nas explotacións agrogandeiras do municipio, contribuíndo á protección do medio ambiente e ao apoio do sector primario.
A recollida farase mediante un camión que pasará polas explotacións que o soliciten previamente. As persoas interesadas deberán anotarse chamando ao 982 135 011 ou acudindo presencialmente ás oficinas municipais antes do día 14 de maio.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca que “este servizo é unha mostra máis do compromiso que temos co noso rural facilitando o seu día a día e avanzando cara a unha xestión máis sostible dos residuos”.
Para facilitar a recollida, o Concello lembra que:
- Os plásticos deben deixarse en puntos accesibles para o camión.
- Deben estar afastados de liñas eléctricas e árbores que dificulten a carga.
- É preciso que estean ben pregados e atados.
- Non deben conter arames, terra nin area.
Desde o Concello agradécese a colaboración de todos os veciños e veciñas para o correcto desenvolvemento da recollida.