A Enfariñada de Trabada preséntase na Festa da Filloa de Muimenta como antesala do 4 de maio

A promoción da VI Festa da Enfariñada de Trabada dará un paso máis coa súa presenza na Festa da Filloa de Muimenta este xoves 1 de maio. O Concello de Trabada aposta por esta iniciativa para difundir un dos pratos máis tradicionais da Mariña lucense e convidar a veciños e visitantes a gozar da celebración gastronómica que terá lugar o 4 de maio.

Durante a xornada en Muimenta, os visitantes poderán descubrir a historia e o sabor da Enfariñada, un prato tradicional da Mariña lucense elaborado con ingredientes sinxelos pero cargado de identidade. Ademais, repartirase material divulgativo para animar á xente a desprazarse ata Trabada o domingo 4 de maio e vivir a festa en directo.

A Festa da Enfariñada, que terá lugar na Praza do Concello de Trabada a partir das 12:00 horas, ofrecerá non só a degustación deste prato en versión tradicional e sen glute, senón tamén racións de xamón cocido e chourizo. A festa completarase cun mercado de produtos locais e actuacións musicais de grupos tradicionais como «Tumba e Dálle» e «Grupo Lume».

O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou a importancia de aproveitar este tipo de encontros para difundir a riqueza gastronómica do municipio: «A Festa da Enfariñada non é só unha celebración, senón tamén un compromiso coa nosa tradición e cultura. Participar na Festa da Filloa de Muimenta é unha gran oportunidade para dar a coñecer a nosa gastronomía e convidar a todo o mundo a vivir en Trabada unha xornada única o 4 de maio.»

O Concello de Trabada convida a toda a veciñanza e visitantes a marcar a data no calendario e achegarse para saborear a tradición e seguir consolidando a Festa da Enfariñada como un referente gastronómico da provincia. 

 

Página anterior O Centro de Atención a Maiores de Trabada celebrou o seu sexto aniversario cunha xornada festiva e musical

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados