O Concello de Trabada organiza unha nova edición do programa “Viaxa co Concello” cunha excursión a Cantabria

O Concello de Trabada organiza unha nova edición do programa “Viaxa co Concello” cunha excursión a Cantabria

O Concello de Trabada pon en marcha unha nova edición do programa “Viaxa co Concello”, que terá lugar os días 19, 20 e 21 de setembro cunha viaxe a Cantabria, visitando lugares emblemáticos como a Cueva El Soplao, Comillas, Santillana del Mar, Torrelavega, Santander ou Cangas de Onís.

O prezo da viaxe é de 195 euros por persoa e inclúe seguro, aloxamento de dúas noites en habitación dobre nun hotel spa de 4 estrelas, visitas culturais, entradas, comidas e ceas programadas en diferentes localidades, así como transporte en autobús.

Entre as actividades previstas destacan a visita á Cueva El Soplao, ao Capricho de Gaudí en Comillas ou ao Museo da Tortura en Santillana del Mar, ademais de comidas e ceas en localidades como Cabezón de la Sal, Santillana ou Cangas de Onís.

O alcalde de Trabada, Rubén García, subliñou que “con este programa buscamos darlles facilidades aos nosos veciños e veciñas para coñecer diferentes lugares do noso país con todas as comodidades, con todo planificado e organizado, de xeito que só teñan que desfrutar da viaxe. É unha maneira de fomentar a convivencia, ao mesmo tempo que descubrimos o noso patrimonio cultural e turístico”.

As prazas son limitadas e están dirixidas a persoas maiores de idade empadroadas en Trabada. A inscrición e o pago deben realizarse nas oficinas municipais ata o 4 de setembro. No caso de quedar prazas dispoñibles, abrirase a posibilidade de participación a persoas non empadroadas que teñan familiares no municipio.

Desde o Concello de Trabada anímase á veciñanza a participar nesta iniciativa, que combina turismo, cultura e convivencia nun ambiente organizado e seguro.

Página anterior Sante acolle o 31 de agosto a segunda edición da súa ruta de sendeirismo e paellada popular

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados