A parroquia de Sante acollerá este domingo 31 de agosto unha nova edición da súa ruta de sendeirismo “Voltiña a Sante” e a gran paellada popular, unha cita que volve demostrar a súa gran acollida entre a veciñanza de Trabada e tamén entre participantes doutros concellos da contorna.
A organización corre a cargo da Asociación de Veciños San Julián de Sante e de Trabada paso a paso, coa colaboración do Concello de Trabada, nun exemplo de traballo conxunto entre entidades locais para dinamizar a vida social e cultural das parroquias.
A día de hoxe, xa son máis de 100 as persoas inscritas na andaina e máis de 150 as anotadas para participar na paellada popular, cifras que superan as do ano pasado e que consolidan o éxito desta iniciativa, pensada para unir deporte, tradición e gastronomía nunha xornada participativa.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “o feito de superar xa as cifras de participación da pasada edición confirma a boa acollida desta proposta, tanto entre os veciños e veciñas de Trabada como entre xente doutros concellos próximos que se achega para desfrutar da actividade. O noso obxectivo é que este tipo de citas sigan medrando ano tras ano, fortalecendo a convivencia e poñendo en valor o noso territorio”.
Desde o Concello e as entidades organizadoras anímase á veciñanza e visitantes a sumarse a esta segunda edición, que combina natureza, deporte e gastronomía nun ambiente festivo e de boa compañía.