Continúan en Trabada as formacións dixitais do programa “E para dixitalizarse, Lugo”

Continúan en Trabada as formacións dixitais do programa “E para dixitalizarse, Lugo”

O Concello de Trabada continúa a apostar pola capacitación dixital da veciñanza coa celebración dunha nova acción formativa enmarcada no programa “E para dixitalizarse, Lugo”, tras o éxito das formacións desenvolvidas a finais do pasado ano no municipio.

Nesta ocasión, a actividade levarase a cabo baixo o título “Ciberseguridade: acoso, grooming e estafas”, unha formación orientada a dotar á cidadanía de ferramentas básicas para identificar riscos en internet e facer un uso seguro e responsable das tecnoloxías dixitais.

A formación terá lugar na Casa da Cultura de Trabada (Rúa do Concello, 40), os días 2, 3, 4, 9, 10, 11 e 16 de febreiro, en horario de 10:00 a 13:00 horas. O curso conta cun total de 12 prazas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 17 de xaneiro.

Este obradoiro forma parte do amplo programa de formacións dixitais que inclúe contidos como o uso básico da informática, a sinatura dixital e certificados electrónicos, o manexo do teléfono móbil, a banca electrónica, o uso seguro de internet, a busca de emprego en liña ou o uso das aplicacións de Google, entre outros.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia de dar continuidade a este tipo de iniciativas: “con este novo curso seguimos traballando para reducir a fenda dixital e ofrecer coñecementos prácticos que melloren a seguridade e a autonomía das persoas no uso das novas tecnoloxías.” O  rexedor subliñou tamén que a ciberseguridade é unha cuestión clave na actualidade: “queremos que a xente de Trabada saiba identificar posibles riscos en internet e teña as ferramentas necesarias para protexerse fronte a estafas ou situacións de acoso dixital.”

As persoas interesadas deben anotarse de forma presencial no Concello de Trabada. 

Página anterior Os Reis Magos chegan a Trabada nunha fin de semana con teatro e tradición

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados