O Concello de Trabada abre mañá as inscricións para o campamento de verán e o campamento xuvenil

O Concello de Trabada abre mañá as inscricións para o campamento de verán e o campamento xuvenil

O Concello de Trabada abrirá mañá, martes 12 de maio, o prazo de inscrición para participar tanto no campamento de verán como no campamento xuvenil, dúas iniciativas que volverán desenvolverse durante os meses de xullo e agosto nas instalacións municipais.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 5 de xuño. Ambos campamentos celebraranse de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas. 

O campamento de verán está dirixido a nenos e nenas nacidos entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2022, mentres que o campamento xuvenil está enfocado á mocidade nacida entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2013.

Desde o Concello destacan a elevada participación que o campamento de verán vén rexistrando nos últimos anos, consolidándose como unha das actividades máis demandadas polas familias do municipio. Ademais, o campamento xuvenil celebrará este ano a súa segunda edición despois da boa acollida acadada o pasado verán.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “continuamos apostando por actividades pensadas para os máis pequenos e para a mocidade do noso concello, facilitando tamén a conciliación das familias durante os meses de verán”.

Así mesmo, destacou que “o éxito do campamento xuvenil no seu primeiro ano confirma que era unha iniciativa necesaria e moi ben valorada polos participantes grazas ás actividades e ao enfoque co que se organizou”.

Desde o Concello animan ás familias interesadas a formalizar a inscrición dentro do prazo establecido.

Página anterior Comezan as obras de mellora na vía provincial LU-P-6102 ao seu paso pola parroquia de Vilaformán

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados