O Concello de Trabada vivirá esta fin de semana dúas citas destacadas do calendario local coa celebración da festa de San Fernando en Valboa e do II Descenso de Carrilanas de Sante. Dous eventos que reflicten o dinamismo social do municipio e a implicación do tecido asociativo na organización de actividades ao longo de todo o ano.
Este sábado, 30 de maio, a parroquia de Valboa celebrará unha nova edición de San Fernando, cunha programación que inclúe exposición de gando cabalar, degustación gratuíta de empanada de poldro, mercado de produtos de proximidade, misa e procesión, sesión vermú, comida campestre e actuacións musicais.
Tamén ao longo da xornada terá lugar o II Descenso de Carrilanas de Sante, unha cita que combina deporte, participación e ambiente festivo, e que volverá reunir a veciños e visitantes arredor dunha proposta que medra ano tras ano e que se consolida como unha das actividades singulares do municipio.
O alcalde de Trabada, Rubén García, puxo en valor “a gran actividade cultural, deportiva e festiva que temos durante todo o ano no noso concello, grazas ao compromiso das asociacións, das comisións de festas e de todas as persoas que se implican na vida da nosa comunidade”.
Neste sentido, García destacou que “desde o Concello mantemos un apoio constante ao tecido asociativo e ás comisións de festas porque entendemos que son fundamentais para manter vivo o noso municipio, dinamizar as parroquias e seguir creando oportunidades de encontro e convivencia”.
O rexedor tamén quixo agradecer “o traballo e a coordinación entre Concello, asociacións e entidades colaboradoras, que fan posible iniciativas como estas e que contribúen a reforzar a identidade e o atractivo de Trabada”.
Desde o Concello anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar e desfrutar dunha fin de semana que volverá converter Trabada nun punto de encontro arredor da tradición e o deporte.
