Trabada acolle do 28 ao 31 de xullo unha nova edición do Programa Veiguello con actividades culturais en diferentes parroquias

Trabada acolle do 28 ao 31 de xullo unha nova edición do Programa Veiguello con actividades culturais en diferentes parroquias

A Asociación Cultural Veiguello organiza, coa colaboración do Concello de Trabada e da Deputación de Lugo, unha nova edición do Programa Veiguello 2026, que se desenvolverá entre os días 28 e 31 de xullo en diferentes parroquias do municipio.

Esta iniciativa volve apostar pola recuperación da memoria colectiva, a fotografía e o cine como ferramentas para poñer en valor a historia, o patrimonio e as vivencias da veciñanza, ao tempo que fomenta a participación e a creación cultural.

O programa dará comezo o martes 28 de xullo, ás 17:00 horas, no Teleclub de Vilaformán, coa actividade «Memoráreo», un encontro arredor de fotografías antigas no que se anima á veciñanza a participar levando imaxes antigas ou relacionadas coa emigración para compartir recordos e historias, nunha xornada que contará tamén cunha merenda.

Durante os días 29 e 30 de xullo desenvolverase «Cine do Eo», coa gravación de curtametraxes en diferentes parroquias da man dos cineastas Nela Fraga e Enrique Otero.

Nesas mesmas datas, de 10:00 a 14:00 horas, celebrarase tamén «Trabada Muchachada», unha actividade dirixida á mocidade no Teleclub de Vilaformán e arredores, na que aprenderán a facer cine coa complicidade do actor Miguel de Lira.

A programación rematará o venres 31 de xullo, ás 20:30 horas, en Vilapena, coa proxección dun resumo dos traballos realizados durante estes días, antes da tradicional churrascada.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca a importancia da colaboración co tecido asociativo do municipio: «desde o Concello queremos agradecer o traballo da Asociación Cultural Veiguello por impulsar un programa que combina cultura, memoria e participación veciñal. As asociacións do noso concello desempeñan un papel fundamental á hora de dinamizar as parroquias e ofrecer actividades de calidade ao longo de todo o ano.»

O Concello de Trabada anima á veciñanza a participar nas diferentes actividades programadas e a seguir apoiando iniciativas que contribúen a conservar a memoria colectiva e a dinamizar a vida cultural do municipio.

 

Página anterior O Concello de Trabada consegue unha subvención de máis de 35.000 euros para iniciar a reparación dos vestiarios do pavillón municipal tras o incendio

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados