Trabadela e o Alto da Cadeira serán os escenarios dunha intensa fin de semana festiva en Trabada, con actividades que combinarán gastronomía, música, tradición e lecer para todas as idades.
A programación comezará o venres 7 de agosto coa tradicional churrascada de Trabadela, que dará paso a unha gran verbena amenizada por Ana Sánchez, nunha cita organizada pola comisión de festas.
O sábado 8 de agosto celebrarase unha nova edición da XXIII Xira da Cadeira, unha das citas máis consolidadas do verán no municipio. A xornada arrancará ás 10:30 horas coa segunda edición do Campionato de Balinera (Carabina), organizado polo Concello de Trabada, cunha inscrición gratuíta e no que as balineras serán facilitadas pola organización.
A continuación terá lugar a procesión en honra a San Marcos e a sesión vermú coa Banda Municipal de Música de Ribadeo e The Sound Project. Pola tarde celebrarase a comida campestre, haberá inchables gratuítos para a cativada, a actuación do Mago Roberto Lolo, verbena con The Sound Project e unha degustación gratuíta de empanada e xamón cocido para as persoas asistentes á comida.
O alcalde de Trabada, Rubén García, quixo destacar «a implicación das comisións de festas e das asociacións do noso concello, que durante todo o ano traballan para organizar actividades que manteñen vivas as nosas parroquias e favorecen a convivencia entre a veciñanza».
O rexedor tamén subliñou que «desde o Concello seguiremos colaborando con estas iniciativas porque entendemos que apoiar ás asociacións e ás comisións de festas é investir en dinamización social, económica e cultural. Grazas ao seu esforzo e á colaboración entre administración e tecido asociativo conseguimos ofrecer unha programación variada e atractiva para todos».
Desde o Concello de Trabada anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nas distintas actividades previstas e a gozar dunha fin de semana na que a tradición, a música, a gastronomía e o ambiente festivo volverán ser protagonistas.
