O Concello de Trabada apoia unha fin de semana repleta de actividades festivas no municipio

O Concello de Trabada apoia unha fin de semana repleta de actividades festivas no municipio

Trabadela e o Alto da Cadeira serán os escenarios dunha intensa fin de semana festiva en Trabada, con actividades que combinarán gastronomía, música, tradición e lecer para todas as idades. 

A programación comezará o venres 7 de agosto coa tradicional churrascada de Trabadela, que dará paso a unha gran verbena amenizada por Ana Sánchez, nunha cita organizada pola comisión de festas.

O sábado 8 de agosto celebrarase unha nova edición da XXIII Xira da Cadeira, unha das citas máis consolidadas do verán no municipio. A xornada arrancará ás 10:30 horas coa segunda edición do Campionato de Balinera (Carabina), organizado polo Concello de Trabada, cunha inscrición gratuíta e no que as balineras serán facilitadas pola organización.

A continuación terá lugar a procesión en honra a San Marcos e a sesión vermú coa Banda Municipal de Música de Ribadeo e The Sound Project. Pola tarde celebrarase a comida campestre, haberá inchables gratuítos para a cativada, a actuación do Mago Roberto Lolo, verbena con The Sound Project e unha degustación gratuíta de empanada e xamón cocido para as persoas asistentes á comida.

O alcalde de Trabada, Rubén García, quixo destacar «a implicación das comisións de festas e das asociacións do noso concello, que durante todo o ano traballan para organizar actividades que manteñen vivas as nosas parroquias e favorecen a convivencia entre a veciñanza».

O rexedor tamén subliñou que «desde o Concello seguiremos colaborando con estas iniciativas porque entendemos que apoiar ás asociacións e ás comisións de festas é investir en dinamización social, económica e cultural. Grazas ao seu esforzo e á colaboración entre administración e tecido asociativo conseguimos ofrecer unha programación variada e atractiva para todos».

Desde o Concello de Trabada anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nas distintas actividades previstas e a gozar dunha fin de semana na que a tradición, a música, a gastronomía e o ambiente festivo volverán ser protagonistas.

Carteles fin de semana agosto Trabada

Páxina anterior O Concello de Trabada abre o prazo de inscrición nos programas de conciliación Madrugadores e Ludiseráns para o curso 2026-2027

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados