O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, participou durante os últimos días en diferentes reunións, encontros institucionais e actividades de traballo en Bruxelas, onde tivo ocasión de trasladar as necesidades do municipio, presentar proxectos e establecer contactos con representantes de institucións europeas e entidades vinculadas ao desenvolvemento territorial.
Un dos encontros mantidos foi co eurodeputado Nicolás González Casares, a quen o rexedor trasladou diferentes propostas e cuestións relacionadas coas necesidades da veciñanza de Trabada, especialmente aquelas vinculadas á realidade dun concello rural.
Durante esta reunión, García Freije presentou tamén un proxecto de carácter social no que se está a traballar e cuxos detalles se darán a coñecer publicamente nas próximas semanas.
O alcalde mantivo igualmente un encontro con Marcos Alonso, embaixador permanente de España na Unión Europea, e puido coñecer de primeira man as instalacións da Embaixada Permanente de España na Unión Europea en Bruxelas.
A axenda institucional incluíu tamén unha visita ao Parlamento Europeo, onde tivo a oportunidade de coñecer o funcionamento desta institución e achegarse ao traballo que se desenvolve no ámbito comunitario.
Durante a súa estancia en Bruxelas, Rubén García Freije participou tamén en diferentes actividades vinculadas á Semana Europea das Rexións e das Cidades, entre elas un encontro celebrado na Delegación do País Vasco.
Así mesmo, asistiu ao Foro Europeo de Innovación no Rural, un espazo de encontro arredor dos retos e oportunidades dos territorios rurais, no que se abordaron cuestións relacionadas co seu desenvolvemento e coa innovación.
Estas actividades permitiron ao alcalde coñecer experiencias e iniciativas doutros territorios, así como establecer contactos con representantes institucionais e entidades dos ámbitos público e privado.
García Freije explica que «durante estes días tivemos a oportunidade de trasladar a realidade e as necesidades de Trabada a diferentes representantes institucionais, presentar proxectos nos que estamos traballando e coñecer experiencias doutros territorios que tamén afrontan os retos propios do medio rural».
O alcalde destaca igualmente a importancia dos contactos establecidos durante a visita: «Un dos obxectivos destes encontros foi abrir novas vías de comunicación e colaboración con institucións e entidades públicas e privadas que poidan resultar de interese para desenvolver futuros proxectos en Trabada».
A axenda de traballo en Bruxelas permitiu así abordar diferentes cuestións relacionadas co municipio, intercambiar experiencias e explorar posibles colaboracións institucionais de cara ao futuro.


