Os Concellos de Trabada e Barreiros acometerán a mellora da vía que conecta os núcleos de Fórnea e Vilamartín Pequeno grazas á consecución dunha subvención conxunta de 35.616,26 euros destinada á mellora de infraestruturas viarias de titularidade municipal.
O proxecto, cun orzamento total de 50.880,37 euros, contará cunha aportación de ambos concellos de 15.264,11 euros, o que permitirá executar obras de mellora no firme e garantir unha comunicación máis segura e cómoda para a veciñanza da zona.
O alcalde de Trabada, Rubén García, subliñou a importancia da colaboración entre concellos limítrofes para levar a cabo proxectos de interese común: “Desde o Concello de Trabada celebramos a boa relación e cooperación constante cos concellos veciños, como neste caso co Concello de Barreiros. Esta vía é utilizada pola veciñanza de ambos municipios, e traballar xuntos permítenos mellorar a calidade de vida das persoas e avanzar cara a un rural máis conectado e funcional.”
Con actuacións como esta, os concellos de Trabada e Barreiros reafirman o seu compromiso coa mellora das infraestruturas rurais e co traballo conxunto como ferramenta para optimizar recursos e dar resposta ás necesidades reais da cidadanía.