Este mércores tivo lugar a sinatura do convenio de colaboración para a mellora do abastecemento de auga entre os Concellos de Trabada e Ribadeo e a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia. A conselleira Ángeles Vázquez participou no acto en Ribadeo, formalizando así un acordo que contempla unha inversión global de 8,5 millóns de euros.
Este proxecto dá continuidade á xuntanza mantida en xaneiro no marco da Mesa da Auga, na que se acordou acometer a renovación da tubaxe que conecta Vilarbetote con Ribadeo, garantindo así un abastecemento máis eficiente, seguro e sostible.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “a sinatura deste convenio é un paso adiante froito da boa colaboración institucional. En especial queremos poñer en valor o entendemento e coordinación entre o Concello de Trabada e o Concello de Ribadeo, que permitiu avanzar nun proxecto necesario para garantir un servizo básico e esencial como é o da auga potable”.
A actuación prevista supón unha mellora significativa da rede de abastecemento, contribuíndo a modernizar infraestruturas e previr incidencias nunha zona de interese compartido entre ambos municipios. A cooperación entre administracións permitirá dar resposta a unha demanda da veciñanza e reforzar a calidade dos servizos públicos no rural.