O Concello de Trabada solicita á Xunta de Galicia a reactivación da antena de Fórnea, en funcionamento só uns meses

O Concello de Trabada solicita á Xunta de Galicia a reactivación da antena de Fórnea, en funcionamento só uns meses

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, vén de remitir unha carta ao conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado, para trasladarlle a preocupación da veciñanza de Fórnea ante a situación da antena de telefonía instalada nesta parroquia.

A finais do ano 2019 o Concello de Trabada solicitou á Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) a mellora da cobertura móbil en diferentes zonas do municipio. Froito desta petición, instalouse unha antena en Fórnea, que entrou en funcionamento no mes de marzo de 2025, logo da cesión dunha finca municipal e da adecuación dos accesos por parte do Concello.

Sen embargo, desde o mes de xullo a antena deixou de funcionar. O Concello de Trabada trasladou en reiteradas ocasións a incidencia á Amtega, pero o problema segue sen resolverse.

O rexedor subliña: “Estamos a falar dun servizo básico, fundamental para os nosos veciños e veciñas, que despois de moitos anos de espera por fin viran mellorada a súa cobertura móbil. Conseguimos poñer en marcha a antena en 2025, pero só estivo operativa uns meses. Agora atopámonos outra vez sen este recurso esencial no rural”.

García Freije engade: “O Concello de Trabada seguirá ofrecendo toda a colaboración necesaria á Xunta de Galicia para garantir que a antena volva funcionar canto antes. Non podemos permitirnos dar pasos atrás cando falamos de servizos básicos e de calidade no rural”.

Desde o Concello de Trabada quérese reiterar a disposición total a cooperar con todas as consellerías competentes para mellorar as infraestruturas e garantir que a veciñanza disfrute dunhas condicións de igualdade no acceso ás telecomunicacións.

Página anterior O Concello de Trabada continúa ampliando a oferta de vivenda social co alugueiro da antiga escola de Vilapercide

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados