O Concello de Trabada solicita a AMTEGA, Telefónica e Orange a incorporación de cobertura móbil para todas as compañías na zona de Fórnea

 O Concello de Trabada vén de remitir novos escritos á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e ás compañías Telefónica España e Orange, reiterando a petición xa realizada no pasado mes de abril para que se amplíe a cobertura móbil na zona de Fórnea, onde actualmente só opera a rede de Vodafone.

A instalación da antena de telecomunicacións en Fórnea, operativa desde o pasado mes de marzo, supuxo un avance importante para mellorar as comunicacións nesta zona rural do concello. Porén, actualmente a cobertura está limitada á compañía Vodafone, o que deixa fóra a numerosos usuarios de Movistar e Orange.

Dende o Concello de Trabada solicítase que se promovan as xestións necesarias para permitir o uso compartido da infraestrutura por parte doutros operadores, tal e como recolle a propia comunicación oficial da AMTEGA, coa fin de garantir un acceso equitativo á conectividade e reducir a brecha dixital no medio rural.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destacou que “non é razoable que, tendo xa instalada unha antena operativa, só unha parte da poboación poida beneficiarse dela. O noso obxectivo é que todos os veciños e veciñas dispoñan de cobertura móbil, sexa cal sexa a compañía que teñan”.

García subliñou tamén que “a conectividade segue a ser unha prioridade para o noso goberno, especialmente nas parroquias rurais, onde o acceso a internet e á telefonía móbil é esencial para a calidade de vida e o desenvolvemento do territorio”.

O Concello de Trabada amosa a súa total disposición para colaborar con AMTEGA e coas operadoras implicadas para que esta infraestrutura poida ser aproveitada na súa totalidade e mellorar así as comunicacións no municipio.

 

 

Página anterior O Concello de Trabada inicia a renovación da área recreativa de A Choza na Ría de Abres

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados