O Trabada Futsal disputará este sábado, 1 de novembro, a final da 2ª División Masculina da VI Copa Deputación de Lugo de Fútbol Sala. O encontro terá lugar ás 17:00 horas no Pavillón Municipal de Barreiros, onde o equipo de Trabada se enfrontará a A Lareira Os Meigallos FS “B”.
Esta final supón un fito destacado para o club, que participa por primeira vez nun encontro decisivo dunha competición oficial desde a súa nova creación no ano 2016. O Trabada Futsal foi medrando en número de xogadores, estrutura e actividade, converténdose nun referente deportivo no concello.
O alcalde de Trabada, Rubén García, amosou o apoio do Concello ao equipo e sinalou que “desde o goberno local mantemos un compromiso firme coa promoción do deporte e coa colaboración cos clubs do municipio. O Trabada Futsal é un exemplo de esforzo, constancia e implicación social, e é motivo de orgullo para toda a veciñanza”.
O Concello de Trabada anima a todas as persoas afeccionadas ao deporte a achegarse este sábado ao pavillón municipal de Barreiros para apoiar ao equipo nesta importante cita.
Detalles do evento:
- Data: sábado, 1 de novembro de 2025
- Hora: 17:00 h
- Lugar: Pavillón Municipal de Barreiros
- Encontro: Trabada Futsal vs. A Lareira Os Meigallos FS “B”
- Entrada de balde
Desde o Concello destacan que o apoio ao tecido deportivo local é unha prioridade e que se seguirá colaborando con clubs, asociacións e entidades para favorecer a práctica deportiva en todas as idades e modalidades.