O Concello de Trabada informa da reapertura da bolsa de emprego para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), co obxectivo de reforzar o persoal dispoñible ante o aumento da demanda e das horas de atención que se están a prestar no municipio.
Nas últimas semanas produciuse un incremento significativo do número de usuarios atendidos, así como das necesidades específicas de apoio nos seus fogares, motivo polo cal resulta imprescindible incorporar novos profesionais para garantir un servizo de calidade e unha resposta axeitada ás persoas dependentes.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, explicou que “o SAF é un dos servizos sociais esenciais que ofrece o Concello, e estamos a facer un esforzo continuo por garantir unha atención próxima, profesional e adaptada ás necesidades reais da nosa veciñanza. A ampliación do persoal é fundamental para seguir prestando un servizo digno e eficaz”.
A partir de mañá, abrirase o prazo de presentación de solicitudes, que permanecerá aberto durante dez días. As persoas interesadas poderán consultar as bases e presentar a documentación necesaria nas oficinas municipais dentro do horario de atención ao público.
Con esta medida, o Concello de Trabada reforza o seu compromiso coa mellora dos servizos sociais e coa atención ás persoas dependentes, garantindo que poidan continuar vivindo nos seus fogares con seguridade, apoio e acompañamento profesional.