O alcalde de Trabada, Rubén García, xunto coa concelleira de Medio Rural, Rosa Pérez, realizaron hoxe a tradicional visita de Nadal ao Centro de Atención a Maiores (CAM) e CEIP Celso Currás, unha iniciativa que se repite cada ano nestas datas tan sinaladas.
Durante a visita, o alcalde e a concelleira compartiron uns momentos cos maiores e co alumnado do centro educativo, aos que lles fixeron entrega dun pequeno detalle como mostra de cariño e recoñecemento. Estes encontros teñen como obxectivo manter un vínculo próximo e familiar cos distintos colectivos do municipio, especialmente coa infancia e coas persoas maiores.
Rubén García destacou que “o Nadal é un momento especial para achegarnos ás persoas que forman parte esencial da nosa comunidade. Estas visitas permiten compartir tempo, escoitar e transmitir proximidade tanto aos nosos maiores como aos nenos e nenas do concello”.
Pola súa banda, Rosa Pérez subliñou a importancia de “manter viva esta tradición, que reforza os lazos entre o Concello e a veciñanza, e que contribúe a facer destas datas un momento máis humano e próximo”.
Desde o Concello de Trabada ponse en valor a boa acollida destas visitas, que forman parte do compromiso municipal de acompañar, coidar e estar presente na vida diaria dos centros e colectivos do municipio, especialmente en épocas tan significativas como o Nadal.
