Carta Ministerio de Transformación Digital

O Concello de Trabada reclama ao Goberno central a extensión da fibra óptica ás parroquias de Valboa e Ría de Abres

 O Concello de Trabada vén de remitir unha carta ao Ministerio de Transformación Digital y de la Función Pública para reclamar a inclusión das parroquias de Valboa e Ría de Abres no despregue de redes de banda ancha de alta velocidade mediante fibra óptica, ao quedar excluídas do plan executado no resto do municipio.

Nos últimos meses leváronse a cabo no termo municipal traballos de instalación de postes e cableado de fibra óptica, estando xa o servizo operativo en varias parroquias. Porén, Valboa e Ría de Abres continúan a día de hoxe sen acceso efectivo a esta infraestrutura básica, o que supón unha clara desvantaxe respecto ao resto da veciñanza do concello.

Desde o Concello sinalan que esta situación resulta especialmente inxusta, xa que se produce dentro do mesmo municipio, xerando un agravio comparativo e unha desigualdade no acceso aos servizos dixitais básicos. Ademais, a falta de conectividade limita o acceso á administración electrónica, dificulta a actividade económica e empresarial, frea o teletraballo e a educación en liña e contribúe aos procesos de despoboamento no rural.

Na carta remitida ao Ministerio, o Concello solicita que se adopten medidas urxentes e prioritarias para incluír estas dúas parroquias no Programa UNICO Banda Ancha ou noutros plans equivalentes, co obxectivo de completar o despregue da fibra óptica en todo o termo municipal de Trabada.

O alcalde, Rubén García, afirmou que “desde o Concello imos defender sempre os intereses da nosa veciñanza, vivan na parroquia que vivan”. O rexedor subliñou que “a conectividade é hoxe un servizo esencial para vivir, traballar e emprender no rural, e é unha ferramenta clave para loitar contra a perda de poboación”.

Rubén García insistiu tamén en que “o noso obxectivo é garantir a igualdade de oportunidades dixitais en todas as parroquias de Trabada, sen excepcións, e por iso imos seguir reclamando o que consideramos xusto para Valboa e Ría de Abres”.

Desde o goberno municipal confían en que o Ministerio atenda esta demanda e adopte as medidas necesarias para corrixir unha situación que consideran prioritaria e inaprazable para o futuro do concello.

Página anterior O Entroido encherá de cor e festa Trabada o sábado 28 de febreiro

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados