O Concello de Trabada organiza para o 22 de marzo o I Encontro de Cestería na Vilapena

O Concello de Trabada organiza para o 22 de marzo o I Encontro de Cestería na Vilapena

O Concello de Trabada organiza o I Encontro de Cestería da Vilapena, que se celebrará o domingo 22 de marzo. Trátase dunha xornada pensada para poñer en valor a artesanía tradicional e recoñecer o labor das persoas que mantiveron vivo este oficio ao longo do tempo.

O encontro desenvolverase ao longo de todo o día cun amplo programa de actividades. Entre as 11:00 e as 13:00 horas terá lugar un obradoiro de cestería, con inscrición previa no Concello de Trabada ou no teléfono 982 13 50 11. Ademais, haberá demostracións de cestería a cargo de Lola Tourón, Asunción Trigo e José M. Ginzo, referentes neste oficio artesanal.

Ás 12:30 horas está prevista a actuación da Asociación Amigos da Gaita Galega, e ás 13:00 horas celebrarase un acto de homenaxe a Jorge da Vilapena, un dos últimos cesteiros da parroquia e protagonista do cartel desta primeira edición. Durante toda a xornada poderá visitarse tamén unha exposición de pezas elaboradas na Vilapena e postos de venda de produtos de proximidade.

A programación completarase cun vermú tradicional e cunha comida popular no Teleclub da Vilapena ás 15:00 horas, con venda de tickets ata o 13 de marzo no Supermercado Onda de Trabada e nas oficinas do Concello. O menú inclúe entremeses, tenreira guisada, tarta de Santiago, viño, refrescos, auga e café. O prezo é de 25 euros para adultos e 15 euros para nenos e nenas de 3 a 10 anos. A xornada pecharase ás 17:00 horas co remate dos cestos.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia desta iniciativa para preservar a identidade local: “a cestería forma parte da nosa historia e do noso patrimonio cultural, e encontros coma este son fundamentais para recoñecer o traballo das persoas que dedicaron a súa vida a este oficio e para transmitilo ás novas xeracións”.

O rexedor puxo tamén en valor a figura de Jorge da Vilapena, sinalando que “é unha homenaxe máis que merecida a unha persoa que representa o saber tradicional, o esforzo e o amor pola artesanía, e que contribúe a manter viva a memoria da parroquia”.

Desde o Concello de Trabada animan a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta xornada, que supón unha oportunidade para coñecer de preto a cestería tradicional, poñer en valor un oficio ligado á identidade do rural e compartir un día de convivencia arredor da cultura popular.

Cartel Encontro de Cestería na Vilapena

Página anterior O Concello de Trabada reclama ao Goberno central a extensión da fibra óptica ás parroquias de Valboa e Ría de Abres

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados