O Concello de Trabada vén de iniciar as obras de mellora do teleclub da parroquia de Vilapena, unha actuación que conta cun investimento próximo aos 35.000 euros e que permitirá seguir modernizando e acondicionando este espazo de uso veciñal.
Os traballos contemplan o pintado integral do edificio, tanto no seu interior como no exterior, así como o peche parcial do porche anexo ao local para mellorar a súa funcionalidade e aproveitamento. Ademais, executarase a pavimentación con formigón da explanada da zona de aparcamento, contribuíndo a mellorar os accesos e o entorno do inmoble.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “continuamos investindo na mellora dos espazos públicos e dos locais sociais das nosas parroquias, creando instalacións máis cómodas, modernas e funcionais para a veciñanza”. O rexedor engadiu que “estes espazos son fundamentais para o desenvolvemento de actividades, cursos e encontros veciñais, polo que seguiremos traballando para que conten coas mellores condicións posibles”.
Esta actuación forma parte do programa de mellora dos locais sociais impulsado polo Concello de Trabada nos últimos anos. No caso de Vilapena, estas obras complementan outras actuacións realizadas anteriormente noutras instalacións municipais, reforzando así o compromiso do goberno local coa mellora dos servizos e equipamentos públicos en todas as parroquias.
Desde o Concello destacan que continuarán impulsando novos proxectos para seguir modernizando os espazos de convivencia e reunión da veciñanza, favorecendo a dinamización social e comunitaria do municipio.