O Concello de Trabada vén de acadar unha nova subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para a execución de dúas actuacións de mellora viaria nas parroquias de Sante e Valboa.
O proxecto conta cun investimento total de algo máis de 73.000 euros, dos que máis de 57.000 euros serán financiados a través desta liña de axudas, mentres que o Concello achegará algo máis de 16.000 euros con fondos propios.
As actuacións previstas consisten no aglomerado de dous tramos viarios. Un deles executarase no lugar de Louro, na parroquia de Sante, e o outro no lugar de Vilafernando, na parroquia de Valboa. Trátase das primeiras actuacións nestas vías, que terán continuidade en futuras fases co obxectivo de completar a súa mellora integral.
No caso de Louro, esta intervención complementará a do aglomerado dos accesos ao núcleo da igrexa de Sante, unha actuación anunciada recentemente polo Concello. Pola súa banda, en Vilafernando, os traballos únense ao proxecto xa presentado para o aglomerado da contorna da igrexa de Valboa.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “seguimos aproveitando todas as oportunidades de financiamento para continuar mellorando as comunicacións no noso municipio. Apostamos polo aglomerado porque é a solución que supón un maior investimento inicial, pero tamén ofrece unha maior durabilidade e un mellor servizo para os veciños e veciñas”.
O rexedor engadiu que “a nosa prioridade está a ser actuar nas vías principais que conectan con estradas de titularidade provincial e autonómica, xa que son as que soportan un maior volume de tráfico e resultan fundamentais para a mobilidade diaria da veciñanza”.
Desde o Concello sinalan que este novo proxecto forma parte da planificación municipal para continuar modernizando a rede viaria local e mellorando a seguridade e a accesibilidade nos diferentes núcleos do municipio.