O Concello de Trabada vén de iniciar as obras de mellora da contorna da Capela de San Miguel, en Vilapercide, unha actuación que permitirá incrementar a seguridade, mellorar a imaxe deste espazo e acondicionalo para o uso e desfrute da veciñanza.
Os traballos executaranse grazas a un convenio asinado coa Deputación de Lugo e contemplan a construción dun novo muro de contención, que reforzará a seguridade da zona e contribuirá a mellorar a integración e o aspecto da contorna.
Ademais, o proxecto inclúe a instalación dunha nova barandilla, a rehabilitación da fonte existente e a ampliación da superficie dispoñible no campo da festa, gañando un espazo máis amplo e funcional para a celebración das distintas actividades que se desenvolven na parroquia.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca que «seguimos investindo na mellora dos espazos públicos das nosas parroquias para que sexan máis seguros, máis cómodos e mellor acondicionados para a veciñanza. Son actuacións que contribúen a conservar e poñer en valor lugares moi importantes para a vida social dos nosos núcleos.»
O rexedor engade que «o noso compromiso é continuar executando actuacións que melloren os servizos e as infraestruturas municipais, creando espazos públicos de maior calidade para o uso diario da veciñanza e para a celebración das actividades que dinamizan as nosas parroquias.»